Galicia, Cultura, Celtas, Cocina, Típico, Ocio, Historia  

 

Historia de la lengua gallega escrita en gallego

 
     
 

  ¿linguas románicas?

 

As linguas románicas ou romances chámanse así por proviren fundamentalmente da variedade do latín falado ou tamén chamado latín vulgar que se utilizaba nese momento.

  Son linguas románicas as seguintes:

Abruzzano, Aragonés, Arromanés, Asturiano, Auverñés, Calabrés, Castelán, Catalán, Corso, Dalmático (hoxe desaparecido), Emiliano, Francés, Franco-provenzal, Friulano, Galego, Gascón (coa súa variedade aranesa), Istriorromanés, Istriota, Italiano, Ladino dolomítico, Limusin, Lombardo, Meglenorromanés, Napolitano, Normando, Picardo, Piemontés, Portugués, Romanche dos Grisóns, Romanés, Sardo, Siciliano, Valón, Variedades mozárabes (hoxe desaparecidas), Veneciano, Xenovés, e un longo etcétera.

  Por proviren da mesma lingua, podémolas considerar irmás e, polo tanto, a semellanza que acharemos entre elas vai ser moita. Isto explica que se poidan entender, cun mínimo esforzo e unha velocidade de locución moderada, falantes de linguas iniciais distintas, como un galego cun italiano, ou un portugués cun castelán. 

¿Galego, portugués, galegoportugués?

  O feito de o galego e o portugués ser case idénticos non se explica correctamente por isto que acabamos de dicir. O galego e o portugués teñen unha estructura gramatical e léxica case idéntica realmente porque foron a mesma lingua dende que naceron ata uns séculos despois cando o territorio en que se falaba se fragmentou por cuestións de tipo político. Ó dicirmos hoxe galego e portugués referímonos a dúas entidades lingüísticas diferenciadas. Dicilo durante os séculos X a XV non facía sentido pois ámbalas dúas eran o mesmo: unha realidade lingüística homoxénea, uniforme, un idioma que chamaremos, para entendérmonos e como fan os especialistas, galego-portugués.

  É curioso o que lle pasou a este galego-portugués medieval. Como veremos, por cuestións políticas, o territorio en que se falaba esta lingua foi dividido en dúas partes. Nunha delas tomouse o galego-portugués como lingua de uso normal, e foi a variedade que se decidiu promocionar como identitaria do novo estado nacional que se creou, que é Portugal. Na outra parte do territorio, o galego-portugués foi, en cambio, quedando esquecido e impúxose como lingua de uso normal, como elemento de identificación nacional, o castelán. Así, o que viña sendo a mesma lingua vai sufrir evolucións ben diferentes: no territorio do sur elabóranse diccionarios, faise literatura e promociónase a lingua que, por convertirse na lingua do novo estado que se formou, Portugal, vaise chamar portugués; no territorio do norte, ó imporse o castelán como lingua que se vai utilizar, o galego non se promove e vai quedando relegado a ámbitos de tipo familiar e non formal.

¿Por qué castelán e portugués?

  Cando se misturan cuestións políticas con lingüísticas, entramos nun problema grave. Por exemplo, tomémo-lo o caso da península ibérica. Neste territorio son lexítimos tódolos seus idiomas (portugués, galego, catalán, castelán, asturiano, aragonés, eusquera), pero só se potencian dous, o portugués e o castelán, por estaren asociados a un territorio concreto, Portugal e España, respectivamente. Dende o século XV, cando os Reis Católicos, comezouse a xestar unha ideoloxía tendente a impulsa-la idea de imperio. O Imperio castelán e o portugés fronte os outros. Eles lanzáronse, como sabemos, á conquista do mundo, igual cós ingleses, por exemplo, e mantiñan un constante pulso por ver quén se facía con máis colonias á vez que buscaban elementos para diferenciarse dos outros, dos rivais. Aqui empezaron as guerras, como sabemos. Con eles levaban a lingua, claro (lengua como compañera del imperio, que dicía Nebrija). ¿que facían, entón, as linguas como o galego ou o catalán?

  O que nese momento eran imperios, convertíronse en nacións a partir do século XIX, cando o auxe dos nacionalismos. Tendeuse a identificar cada país por unha serie de caracteríticas que o facían peculiar fronte os demais: música, gastronomía, vestimenta, e, entre estas, a lingua. A idea non era só fortalecerse militarmente cos  exércitos ante unha posible posible ameaza de invasión doutro país; había que opoñer resistencia unificando este tipo de elementos, que pronto se asentaron entre a xente e foron aceptados como normais. Naceu entón unha ideoloxía de unidade falsa, de fortaleza, de superioridade, afianzada polas relacións comerciais e o novo sistema capitalista emerxente que nacía fronte ó sistema feudal medieva decadente.

  Algo que non permitía o sistema feudal era a promoción social dos individuos, o ascenso na escala de campesiño a nobre, por exemplo. O capitalismo si que potenciaba este ascenso e precisamente un dos elementos que erroneamente a xente asociaba para a promoción social (e é algo que ainda acontece agora) era o cambio da lingua. Deste xeito, abandoa-lo galego e adopta-lo castelán como lingua habitual supoñía un paso, para eles, imprescindible que lle permitía chegar a acaudalarse, a promocionar económica e socialmente. A lingua que se asociou co poder, co símbolo da nación, era a lingua que todos deberían aprender, polo tanto. Asturiano, aragonés, galego, catalán e vasco foron entón deixados de lado e tódolos seus falantes comezaron a aprende-lo castelán porque a entendían como lingua de cultura, de poder, de mellora en tódolos sentidos.

  Con este sistema de mercado que naceu no momento, comezaron a darse relacións entre os distintos países e estes contactos víanse favorecidos pola exitencia dunha lingua franca, dunha lingua internacional. Excusamos dicir que o inglés foi, polo bando capitalista, a lingua de mercado que se impuxo.

  Partindo desta idea, poderemos entender mellor por qué hai linguas diferentes de entre as cales unhas tiveron a sorte de seren seleccionadas de entre tódalas posibles nun territorio en detrimento desoutras irmáns que caeron en desuso ou perderon a consideración de entidades con capacidade de expresar, de comunicar.

    ¿Linguas ou dialectos?

  Téndese a asociar, por regra xeral, lingua con aquilo que está potenciado por un estado e ten representatividade nos medios de comunicación, na literatura, etc. En cambio, as outras variedades asócianse co termo dialecto e cárgano de contido pexorativo. Isto é falso. Linguas son todas por canto que proveñen da mesma orixe, naceron do mesmo xeito; linguas son todas porque todas serven exactamente para o mesmo: permiti-la comunicación entre os seus usuarios; linguas son todas porque elas serven como elemento indiscutible de representación dunha cultura, dun xeito de ve-lo mundo pois, non o esquezamos, nós pensamos, expresámo-los nosos sentimentos, transmitímo-lo noso saber cultural ós fillos, etc, nunha lingua.

  ¿Linguas minoritarias?

  Outra consideración que nos gustaría clarexar é a seguinte: adóitase dicir que o galego, o catalán, o vasco, etc, son linguas minoritarias. Pregúintome eu, ¿minoritarias por que? ¿ou respecto a que? ¿á lingua potenciada de maneira xeral no estado? Facer esta comparación é absurdo. O galego fálase no territorio que hoxe coñecemos como Galicia e nunha faixa exterior del, parella á fronteira administrativa que ten con Asturias, León, Zamora e tamén en tres concellos de Cáceres[1].A porcentaxe de falantes habituais é maior ó sesenta por cento, polo que a maioría dos falantes no territorio da lingua  utilizan a súa lingua. Daquela, concluímos que o galego é lingua maioritaria (obviamente, maioritaria no seu territorio). En cambio, o castelán en Galicia non se emprega pola maioría, senón que se emprega por ese pouco máis do trinta por cento restante. ¿quen é minoritario? Pois, contradicindo o que se di normalmente, o castelán.

  Sería máis axeitado, de querermos describir esta situación que viven linguas como o galego, emprega-lo concepto de lingua minorizada. O galego é lingua minorizada porque o castelán está a exercer unha evidente presión nel, en termos sociolingüísticos, que interfiren no seu uso lexítimo como lingua de Galicia. O castelán será, seguindo este diloxismo, a lingua maiorizada.

  Recapitulando, vemos que o castelán é lingua maioritaria no seu territorio de uso (o que non é, de maneira xeral, Cataluña, o País Basco, Aragón nin Asturias) e minoritaria nestes que acabo de mencionar. É maiorizada en todo o territorio. En cambio, o galego (como o catalán, o vasco[2]) son linguas maioritarias nos seus respectivos territorios (pero minorizadas polo castelán).

  Vémolo con maior claridade no seguinte cadro:

 

 

lingua maioritaria

lingua minoritaria

lingua maiorizada

lingua minorizada

Galego (de Galicia)

Si

Non

Non

Si

Castelán (en Galicia)

Non

Si

Si

Non

 


[1] Valverde do Fresno, San Martiño de Trevello e As Ellas. Para ver unha descrición completa de cada unha destas variedades, vide: Costas González, Xosé Henrique (1992): “Breve caracterización das falas (fundamentalmente galegas) do Val do Río Ellas”, Cadernos de Lingua 6, pp.85-107. 

[2] Non manexamos datos do asturiano nin do aragonés, por iso non facemos comentarios destas linguas.

 

Texto de: Eloi Gestido de la Torre.

 

  Galicia está en Galice.net